Investigación

 

Os solos son un elemento esencial do planeta con un papel destacado en cuestións tan importantes como a seguridade alimentaria, o cambio climático ou a biodiversidade. Por desgracia, sobre eles pesan numerosas ameazas de degradación, moitas delas de orixe antrópica, que poden afectar negativamente ao seu funcionamento.

A miña actividade de investigación céntrase no estudio do impacto das actividades humanas sobre os solos, principalmente os asociados á agricultura, a minería e os residuos urbanos, e de métodos para a remediación dos impactos negativos, co obxectivo global de aumentar a nosa capacidade para protexer os recursos naturais e restaurar as funcións dos solos degradados.

 

Liñas de investigación:

 

Compostaxe e reutilización agrícola de residuos orgánicos

Un dos impactos máis significativos da actividade humana é a produción de cantidades cada vez maiores e máis localizadas de residuos, en boa medida asociados ao incremento da poboación urbana. O tratamento de residuos mediante compostaxe para a súa reciclaxe en solos agrícolas é unha das mellores opción de xestión e tratamento, sendo o estudio da calidade dos compost para o seu emprego agrícola ou hortícola unha das miñas principais liñas de investigación. O uso de compost presenta unha serie de vantaxes relacionadas coa mellora das condicións do solo para a produción vexetal, pero tamén problemas potenciais como a salinidade, a fitotoxicidade, a hidrofobia ou a falta de madurez, sendo a presenza de metais pesados e outros elementos potencialmente tóxicos o problema máis relevante, en particular no caso dos compost de residuos urbanos. Boa parte da miña carreira ocupouse do estudio da orixe, presenza e distribución de metais pesados en compost e do seu comportamento e biodispoñibilidade en solos agrícolas, para asegurar unha reutilización segura destes materiais.

 

Utilización de compost en restauración ambiental

O uso de emendas orgánicas para a remediación de solos degradados é unha tecnoloxía de grande interese para reducir o impacto ambiental de actividades humanas tales como a minería. Os solos afectados por estas actividades presentan diversas limitacións ao desenvolvemento vexetal que dificultan as labores de restauración e neste sentido, unha parte da miña carreira está dedicada á utilización de compost para a creación de condicións máis favorables para a revexetación. Estudios realizados con residuos da industria da lousa demostran como o uso de compost de residuos vitivinícolas permite mellorar as propiedades edáficas destes materiais para o seu uso en restauración. Por outra parte, tamén se demostrou os beneficios de distintos tipos de compost para o tratamento de solos contaminados con metais, mediante procesos de immobilización destes contaminantes. O conxunto destes estudios demostra o potencial do compost como recurso para a restauración ambiental e como os residuos orgánicos pódense reutilizar con éxito para o tratamento de solos e augas.

 

Influencia da fertilización nas propiedades dos solos a longo prazo

Unha das preocupacións ambientais máis serias das últimas décadas é o efecto da intensificación agrícola sobre o medio, xa que o espectacular aumento da produtividade agrícola apóiase en boa medida no uso de grandes cantidades de fertilizantes. Neste sentido, parte da miña investigación céntrase no efecto da fertilización sobre as propiedades dos solos a longo prazo, na súa maior parte en colaboracion con científicos do INRA e AgroParisTech usando datos do ensaio das 42 parcelas de Versalles. Iniciado en 1928, trátase dun dos experimentos agronómicos máis antigos e peculiares do mundo, no que solos sen vexetación reciben anualmente diferentes tratamentos, incluindo fertilizantes nítricos e amoniacais, fofatos e emendas cálcicas, sódicas, e potásicas. O uso continuado destes produtos deu lugar a unha grande diferenciación nas propiedades físicas e químicas dos solos, observándose o efecto deteriorante na estrutura e o risco de erosión debido aos fertilizantes sódicos e potásicos, como o tipo de fertilizante afecta ao ciclo do carbono a través da protección física nos agregados do solo, ou o efecto fortemente acidificante dos fertilizantes amoniacais, con consecuencias sobre os procesos de evolución edáfica e sobre a mobilidade de contaminantes.