Saltar ao contido principal
Páxinas persoais  »  Marco Virgilio Garcia Quintela

Liñas de investigación

As liñas de investigación pódense presentar baixo dous puntos de vista. Un máis tradicional polos temas de estudio abordados, outro máis analítico, considerando as curiosidades e inquietudes que están detrás dos traballos.

Historia de Grecia

Influído pola lectura da obra de Antonio Gramsci, un dos referentes ideolóxicos dunha parte da esquerda española na época da transición, cando plantexeime o tema da miña tesiña de doutoramento pensei na posibilidade de estudiar aos intelectuais gregos co tipo de interrogantes que suscitou Gramsci e, sobre todo, a idea de ata que punto o concepto de “intelectual orgánico” podería servir coma ferramenta analítica para comprender o papel dos intelectuais gregos no seu eido social e histórico específico. Este interrogante deu lugar aos estudios arredor da Historia “histórica” da filosofía presocrática.

Un dos compoñentes do contexto social e histórico, en xeral, dos filósofos é, de xeito moi claro, o propio horizonte mítico e lexendario dos gregos. Tamén, ao fío destas perspectivas, surxiron outros estudios de Historia de Grecia.

Antropoloxía histórica da Iberia antiga

Cando iniciei a miña docencia na Universitat de Valencia o ano 1986 correspondeume impartir unha materia titulada Cultura dos Pobos Hispánicos. Herdada dun plan de estudios antigo, nunca entendín nin o seu contido, nin a súa finalidade. Inscrita nunha especialidade de Historia Antiga ao longo de un segundo ciclo completo, figuraba con outras tres materias de tema “hispánico”, polo que era preciso darlle un perfil específico. A opción seguida foi propoñer aos estudiantes unha lectura pormenorizada da etnografía antiga sobre a Península Ibérica, e sobre todo do libro III do xeógrafo grego Estrabón, consagrado integramente á descrición de Iberia, combinado coa lectura dalgúns clásicos da antropoloxía social para tratar de amosar as diferencias, obvias, entre as perspectivas etnográficas antigas e modernas e, ao mesmo tempo, amosar a pertinencia dunha mirada, dunha lectura, etnográfica en sentido moderno deses textos etnográficos antigos.

Esta opción docente foi a matriz de toda unha lectura renovada das fontes etnográficas da Península Ibérica que se configurou como unha liña de investigación autónoma entre cuxos resultados destacables está a identificación de formas míticas posiblemente indíxenas, ibéricas, inscritas na etnografía grega: Etnografía e mito. Para identificar eses aspectos míticos foi preciso aplicar unha perspectiva comparativa inspirada na obra do historiador das relixións Georges Dumézil, aspectos que, á súa vez, deron orixe ás liñas específicas de investigación arredor de cuestións de historiografía e método que, iniciadas dende unha perspectiva de estudios sobre a Península, en algúns casos adquiriron distintos graos de autonomía dando lugar a outras liñas de investigación marcadas de xeito notable polo contacto con distintos colegas de disciplinas afíns ou complementarias.

Do contacto con Manuel (Lolo) Santos Estévez (a partir de 1998, entón o denominado Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais da USC e máis adiante o Laboratorio de Patrimonio do Instituto de Estudios Galegos “Padre Sarmiento”), especialista no estudio da arte rupestre de Galicia e auténtico arquivo vivinte de boa parte dos gravados e estacións desta forma de expresión artística prehistórica en Galicia deriva o estudio das iconografías protohistóricas. Produciuse, neste caso, unha síntese entre un proceso levado a cabo por Manuel Santos que, mediante a aplicación dunha perspectiva de arqueoloxía da paisaxe e análise de estilos chegou á conclusión de que existía una arte rupestre que debía fixarse na Idade de Ferro de Galicia, e o meu interese por tentar ampliar a aplicabilidade do método comparativo a outros rexistros documentais como, en particular, as imaxes entendidas como expresións de ideoloxías.

Tamén foi Lolo quen tivo a intuición de que o gravad do abrigo de O Raposo de A Ferradura (Amoeiro), estaba orientado cara o solsticio de inverno. Esta intuición transformouse, seguidamente, dunha observación, seguida por unha cadea de observacións e, dende o ano 2005, coa colaboración de dous astrofísicos, Juan Antonio Belmonte (do Instituto de Astrofísica de Canarias) e de A. César  González García (primeiro no mesmo IAC, e agora na Universidad Autónoma de Madrid) nunha serie de estudios de arqueoastronomíacentrados inicialmente na Península Ibérica e estreitamente vinculados coa arte rupestre.

Estudios celtas

A aplicación do método comparativo ao estudio dos mitos da Península Ibérica implicou a introdución de temáticas célticas. A metodoloxía aplicada era a deseñada por Dumézil para o estudio dos mitos nas poboacións históricas herdeiras da tradición indo-europea. Esto quere dicir que estudiar aos celtas non foi un a priori senón unha consecuencia derivada.

O primeiro libro sobre os celtas que leín foi Les druides de Françoise Le Roux e Christian-J. Guyonvarc’h, e merqueino e leíno interesado polo papel dos intelectuais nas sociedades sen escritura, unha problemática próxima aos meus traballos sobre Historia de Grecia. Cando, máis adiante, creín atopar algunhas explicacións dos textos etnográficos gregos sobre a Península con paralelos celtas esto non tiña, dende o punto de vista do método dumeziliano, nada de particular. Non había máis razón para utilizar estas tradicións que calesqueira outras dentro do abano das mitoloxías indo-europeas. Un dos fitos da obra de Dumézil fora a explicación de rituais romanos coa axuda de mitos e tradicións da India antiga. Outra cousa fora que a importancia e consistencia dos paralelos celtas, sobre todo arredor da definición de realeza, obrigase a modificar a perspectiva e a buscar unha realidade social das prácticas e ideoloxías identificadas no horizonte protohistórico hispánico e a definir algúns problemas que parecen específicos do mundo cultural celta.

Historia de Roma

Frecuentando a obra de Dumézil a historia da Roma máis antiga faise familiar, como tamén cobra importancia una certa maneira de ver esa historia, coas complexas relacións entre mito e proceso histórico que se producen nese contexto e que deron lugar a unha incesante controversia historiográfica.

Nalgúns dos temas hispánicos estudiados a documentación latina, en primeiro termo o historial da realeza e máis adiante a problemática da definición dos santuarios arcaicos. Coma no caso celta, algunha destas temáticas adquiriron vida propia merecendo publicacións específicas. Un apoio inestimable neste traballo foi Dominique Briquel, algúns de cuxos traballos dos anos 1980 desenrolei nos meus propios traballos.

Cuestións de método e historiografía

Ao fío das investigacións presentadas, ás veces como inicio desta mesma investigación (caso de Hispania), ás veces coma necesidade dunha explicación retrospectiva (celtas no noroeste de Iberia, pertinencia do emprego da obra de Dumézil, estudios da arte rupestre…), desenrolei tamén traballos de historiografía dalgúns campos de estudio ou, tamén, de explicación das opcións metodolóxicas adoptadas. Estas discusións, con frecuencia asinadas con outros compañeiros, presentan un ton basicamente expositivo ou máis polémico en función do senso e ton das propostas ás que se trata de respostar ou dar unha alternativa.

Outra perspectiva sobre as liñas de investigación

A presentación das liñas de investigación que precede, sendo correcta, adoece do feito de pregarse a unha presentación convencional das liñas de investigación. Esto ten coma consecuencia dar unha idea de heteroxeneidade que só e certa en aparencia. Esa heteroxeneidade é certa si consideramos os temas abordados, pero é moito menos si valoramos os xeitos de aproximación aos distintos temas e as curiosidades ou impulsos que os suscitaron.

En efecto, dende os estudios sobre os presocráticos ás intervencións sobre método e historiografía, dende o estudio da etnografía antiga ata a arqueoastronomía, a miña curiosidade e participación en traballos con outros compañeiros está guiada pola curiosidade arredor da diversidade das relacións entre as creacións intelectuais e outras dimensións da realidade histórica. Esto pode exemplificarse con temáticas abordadas nas liñas de investigación mencionadas antes dende unha perspectiva tradicional.

Dun xeito moi claro esto está na orixe das miñas primeiras investigacións sobre a relación entre os filósofos presocráticos e os medios sociais e históricos nos que actuaron. A ampliación desta perspectiva á etnografía antiga foi motivada por un encargo docente e a aplicación dunha metodoloxía comparativa inspirada por Dumézil non tería maior problema de non ser polas polémicas en que se viu envolto este autor. Esto levoume a unha explicación sobre a xénese da obra de Dumézil, e sobre a xénese das posturas dos seus detractores que, outra vez, responde ao mesmo esquema de reflexión sobre as relacións entre pensamento e vida social que guían a miña investigación. Esto mesmo pódese dicir, incluso, sobre as cuestións de arqueoastronomía, onde o meu papel nestes traballos, sempre asinados con outros colegas, consiste en tratar de entender a función dos lugares onde se producen eventos arqueoastronómicos coa axuda do método comparativo da historia das relixións dende unha perspectiva estructural.