Saltar ao contido principal
Páxinas persoais  »  Jorge Losada Rodríguez

Enlaces

 

O blog de Terence Tao

www.terrytao.wordpress.com

 

Terence Chi-Shen Tao, nado o 17 de xullo de 1975, é un matemático de orixe australiana que traballa en diversas áreas das matemáticas. Nos últimos tempos, semella estar especialmente interesado na análise harmónica, nas ecuacións en derivadas parciais e na teoría analítica de números. Na actualidade, desempeña a súa labor docente e investigadora na Universidade de California en Los Angeles (UCLA).

Na vixésimo quinta edición do Congreso Internacional de Matemáticos, que se celebrou en Madrid en 2006, T. Tao recibiu a Medalla Fields como recoñecemento á importancia dos seus resultados; tamén é amplamente recoñecida a súa grande capacidade para resolver problemas de diversa índole.

No seu activo blog, poderás atopar moitísima información. Penso que son especialmente interesantes os posts sobre temas (máis ou menos) clásicos, pois sempre sorprende o seu particular punto de vista e o énfase que pon en certas ideas chave. Claro que tamén hai algúns posts dos que eu pouco (ou case nada!) entendo...

 

O blog de Timothy Gowers

www.gowers.wordpress.com

 

William Timothy Gowers, nado o 20 de novembro de 1963, é un afamado matemático británico do Departamento de Matemáticas Puras e Estatística da Universidade de Cambridge.

No ano 1996 recibiu o Premio da Sociedade Europea de Matemáticas e en 1998 gañou a Medalla Fields; galardóns que mostran a importancia das súas novidosas investigacións e resultados no ámbito da análise funcional e combinatoria (Gowers resolveu, por exemplo, o famoso problema do espazo homoxéneo). Comparte numerosos intereses con T. Tao.

Ademais de explicacións divulgativas (pero moi rigorosas!) dos seus resultados, no seu blog tamén poderás atopar algúns posts moi críticos coa sociedade científica actual.