Saltar ao contido principal
Páxinas persoais  »  María Elena Vázquez Abal  »  Queres estudar o grao en Matemáticas?

Que é un grao en Matemáticas?

que_e_un_grao

 

O título de Grao en Matematicas, adaptado ás directrices do Espazo Europeo de Educación Superior impartese desde o curso 2008/09, na USC.  
 
Sendo as matemáticas unha ciencia imprescindible nunha sociedade desenvolvida, a persoa que se titula en Matemáticas na nosa Facultade pode optar ás categorías máis altas da función pública e está cualificada para a formulación matemática, análise, resolución e, no seu caso, tratamento informático de problemas en diversos campos interdisciplinares das ciencias básicas, ciencias sociais e da vida, enxeñaría, finanzas, consultoría, etc..., con vistas ás aplicacións, á investigación e/ou á docencia

  

O plan de estudos do Grao en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela ten un total de 240 créditos ECTS, distribuídos en 4 cursos de 60 créditos cada un, divididos en 2 semestres, que inclúen toda a formación teórica e práctica que o estudantado debe adquirir  en canto aos aspectos básicos da rama, materias obrigatorias e optativas, traballo de fin de Grao e outras actividades formativas. A distribución das materias en cursos e semestres reflicte a organización da oferta por parte da Facultade pero ten carácter só orientativo para o alumnado, que pode cursar estes créditos no momento que considere oportuno e coa distribución que desexe, sempre suxeito ás limitacións xerais que impoña a Universidade. Por outra banda, na descrición de cada materia figura, no seu caso, tamén a título orientativo, os requisitos previos que se recomendan para cursala.

Todas as materias son semestrais e de 6 ECTS, excepto 4 delas do curso 3º de 4,5 ECTS cada unha. No Curso 4º, ademais de 12 créditos de materias obrigatorias e 12 do Traballo de Fin de Grao, o alumnado deberá cursar 36 créditos optativos correspondentes a 6 materias, de 6 créditos cada unha, elixidas libremente entre 12 ofertadas (6 en cada semestre).

 

RECOÑECEMENTO DE CRÉDITOS OPTATIVOS
Ata un máximo de 18 créditos, dos 36 optativos, poden obterse por recoñecemento académico de prácticas externas (máximo 6) epor acreditación de competencias transversais e/ou participación en actividades (máximo 12) de acordo cos tres puntos seguintes:
a) O estudantado pode obter recoñecemento académico dun máximo de 6 créditos optativos por realización de prácticas externas relacionadas co título. As prácticas externas non forman parte da oferta académica permanente a Facultade, aínda que esta colaborará cos órganos responsables da Universidade na organización das mesmas como oferta académica complementaria na formación dos seus estudantes.
b) O alumnado poderá obter recoñecemento académico dun máximo de 9 créditos optativos por acreditación de competencias transversais para todas as titulacións de Grao da USC, é dicir:
- competencias adquiridas no ámbito das tecnoloxías da información e comunicación relacionadas coa formación do título.
- competencias adquiridas no coñecemento e manexo de linguas estranxeiras no ámbito científico.
- competencias adquiridas no coñecemento da lingua galega.
c) O estudantado pode obter recoñecemento académico dun máximo de 6 créditos optativos pola participación en actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación, sempre que teñan relación co ámbito das matemáticas no seu sentido máis amplo. Considéranse de especial interese na formación dos estudantes as actividades deste tipo que conecten as matemáticas coa astronomía e ciencias do espazo, con outras ciencias ou campos do saber, coa historia da ciencia, coa informática e a comunicación, etc.
Segundo a normativa a este respecto fixada pola USC, a suma dos créditos obtidos por recoñecemento nos apartados b) e c) será como máximo 12.
Os mecanismos de recoñecemento dos créditos aos que se refiren os apartados a), b) e c), así como os criterios de valoración e os procedementos de acreditación das competencias que se citan serán establecidos pola USC. En calquera caso, os recoñecementos deberán contar co informe da Comisión de Docencia e Asuntos Académicos da Facultade.

 

TRABALLO DE FIN DE GRAO
O alumnado poderá inscribirse para a realización do Traballo de Fin de Grao unha vez superados os 192 créditos obrigatorios. Na oferta de Traballos de Fin de Grao poderase requirir, individualizadamente, ter cursado algunha materia optativa concreta. No momento da presentación do traballo o alumno deberá ter superado todos os demais créditos necesarios para o título de grao, isto é, polo menos 228 ECTS.
Para non atrasar a graduación dos estudantes que reúnan os requisitos, a Facultade ofertará traballos de Fin de Grao para a súa realización en ambos os semestres.

 

Se queres saber máis podes consultar a Memoria do título de Grao en Matemáticas